CRTVG

Buscar

O fogo cruzado deixa polo menos 30 palestinos mortos e tres vítimas en chan israelí

Publicado o 11/05/2021 20:15

• Israel intensifica os bombardeos sobre Gaza e Hamás lanza proxectís tamén cara a Tel Aviv, que tivo que pechar temporalmente o aeroporto

EFE

O intercambio de fogo entre milicias palestinas de Gaza e o Exército de Israel intensificouse hoxe na peor escalada dos últimos anos, con polo menos 30 palestinos mortos, entre eles menores, e tres vítimas mortais en Israel.

As milicias dispararon hoxe 130 foguetes cara á área de Tel Aviv, unha das máis poboadas do país, que obrigaron a suspender as saídas e, temporalmente, as chegadas do aeroporto internacional de Ben Gurión. As Brigada  Al Qasam, brazo armado do movemento islamita Hamás, anticiparan que dispararían cara a Tel Aviv se Israel atacaba o coñecido edificio de 14 plantas de Hanadi, en plena cidade de Gaza, que albergaba oficinas de portavoces e membros do rango político de Hamás, e que foi bombardeado esta tarde.

Outro edificios recibiron ordes de desaloxo por inminentes bombardeos, entre eles o da oficina da Axenciaa Efe en Gaza. Desde o luns, as milicias dispararon máis de 600 foguetes desde o enclave costeiro, que castigaron especialmente a cidade israelí de Ashkelón, onde dúas mulleres morreron.

Do total de foguetes disparados, preto dunha cuarta parte caeu dentro da franxa, e unha alta porcentaxe foi interceptado polo sistema de defensa antiaérea israelí Cúpula de Ferro. Israel, pola súa banda, respondeu con máis de 500 bombardeos de represalia contra obxectivos das milicias. As alarmas antiaéreas non pararon de soar durante todo o día nas comunidades israelís próximas a Gaza, mentres que os habitantes do enclave tamén buscaron resgardo en múltiples ocasións ante os bombardeos do Exército israelí.

Ademais dos bombardeos contra instalacións das milicias, o Exército levou a cabo ataques selectivos contra membros de alto rango dos brazos armados de Hamás e da Xihad Islámica, e estima que matou polo menos unha vintena de milicianos.

Durante o día, decenas de avións de combate atacaron a milicianos para previr o disparo de foguetes e mísiles antitanque, e atacaron un túnel subterráneo desde onde unha unidade de Hamás tentou cruzar a Israel, segundo Jonathan Conricus, portavoz militar. O Exército anunciou ademais que ampliou a intensidade das represalias, como xa anticipara o primeiro ministro israelí, Benjamín Netanyahu, que alertou a Hamás de que recibiría "un duro golpe".

Unha dos maiores refachos de disparos de hoxe totalizou 137 foguetes en cuestión de minutos, algúns dos cales impactaron nas cidades de Ashdod e Ashkelón, dúas urbes israelís ao norte de Gaza e que estiveron entre as comunidades máis afectadas durante a xornada. Segundo medios, as dúas vítimas mortais en Ashkelón foron unha anciá israelí e a súa coidadora estranxeira, que foron atopadas entre entullos tras impactar un foguete no edificio no que se atopaban.

Gaza enterrou hoxe á maioría dos 30 mortos -10 deles nenos-, mentres os entullos de edificios polos danos causados nesta escalada volven ser a tónica entre as súas estreitas e densas rúas. "Esta campaña tomará tempo. Con determinación, unidade e forza devolveremos a seguridade á xente de israel", declarou ao final da xornada Netanyahu, quen ameazou directamente aos líderes de Hamás e da Yihad Islámica.

A actual escalada de violencia comezou este luns polos disturbios e protestas en Xerusalén, que se estenderon a comunidades árabes de Israel, onde hoxe volveron acenderse as manifestacións. En Xerusalén, a presenza policial era escasa na Cidade Vella e arredores o que rebaixou a tensión, con todo pola noite volveron as cargas policiais nos arredores da cidadela.

O Exército informou ademais dun ataque con arma de fogo por parte de palestinos contra soldados israelís desde un vehículo en Cisxordania ocupada e dixo neutralizar "os dous atacantes", causando a morte dun deles. A escalada de violencia aumentou significativamente hoxe na Franxa de Gaza noutro impredicible episodio que está a agravar o enfrontamento entre israelís e palestinos. 

Noticias web

11/05/2021