CRTVG

Buscar

Israel endurece a ofensiva sobre Gaza con ataques de artillería

Publicado o 14/05/2021 20:24

Foi a peor noite para a poboación de Gaza desde que o luns o exército israelí e as milicias palestinas comezaran a intercambiar fogo. En menos dunha hora, os avións, artillería e carros de combate hebreos atacaron 150 obxectivos, máis de 500 bombas para demoler a rede de túneles pola que se moven as milicias de Hamas.

Segundo o parte israelí, a ofensiva xa acabou coa vida dunha trintena de milicianos palestinos: as autoridades de Gaza falan de 120 mortos, incluídos 31 menores e 19 mulleres. O primeiro ministro israelí, Benjamin Netayahu, di que a operación aínda non rematou. De nada serviron os intentos dunha delegación exipcia para lograr un alto o fogo.

O exército despregou tres brigadas na fronteira e mobilizou 9.000 reservistas no que moitos ven como un prolegómeno da invasión da faixa. En territorio israelí hai xa 8 vítimas. Máis de 2.000 foguetes foron lanzados polas milicias palestinas da Franxa de Gaza cara a Israel desde o comezo da actual escalada bélica, 350 dos cales caeron dentro do enclave, informou hoxe o Exército israelí.

Nos territorios ocupados, sucédense os disturbios, e tamén nos lindes cos países limítrofes. As propias forzas xordanas impediron que os manifestantes accedesen ao paso froteirizo.

No Líbano, desde territorio controlado polas milicías de Hezbolá repetíronse as escaramuzas: un libanés morreu por disparos tras tentar saltar o valado que o separa de Israel.

Noticias web

14/05/2021