CRTVG

Buscar

Israel bombardeou esta noite unha área do sur do Líbano

Publicado o 05/08/2021 08:13

Israel bombardeou a madrugada deste xoves unha área do sur do Líbano próxima á fronteira entre ambos os países, despois de lanzar tres roldas de artillería nas últimas horas en resposta a un ataque con foguetes perpetrado a véspera, informou a Efe unha fonte do grupo xiíta libanés Hizbulá. 

O Exército de Israel acaba de confirmalo, en represalia polo lanzamento a véspera de tres foguetes desde o país árabe, dos que dous impactaron en terreo israelí.

"En resposta aos foguetes lanzados en territorio israelí, avións de combate atacaron os lugares de lanzamento de foguetes e a infraestrutura utilizada para o terrorismo no Líbano", indicou un voceiro militar nun comunicado.

Cazas israelís levaron a cabo dous ataques aéreos pouco antes da 1.00 hora local contra as aforas da localidade de Mahmudiya, situada nunha área controlada pola formación xiíta e onde tamén están presentes faccións palestinas.

As accións prodúcense nun contexto de crecente tensión en Oriente Medio tras o ataque o xoves pasado contra un buque cisterna operado por unha empresa dun multimillonario israelí, do que algúns países, entre eles Israel, acusaron a Irán.

Noticias web

05/08/2021