CRTVG

Buscar

Israel e Hamas confirman o cesamento do fogo tras máis de 240 mortos e 11 días de combate

Publicado o 20/05/2021 21:43
Israel e Hamas confirman o cesamento do fogo tras máis de 240 mortos e 11 días de combate
EFE

O Goberno israelí aprobou este xoves aceptar a proposta de mediación de Exipto para unha "tregua bilateral" con Hamas, "sen condicións", anunciou a Oficina do Primeiro Ministro nun comunicado. O cesamento do fogo entraría en vigor á 02:00 do venres, hora local. Con iso poñerase fin a once días de escalada bélica entre o exército israelí e as milicias palestinas de Gaza que se saldaron con 232 mortos na franxa e 12 en Israel.

Pola súa banda, o portavoz de Hamas en Gaza, Hazem Qassem, confirmaba un cesamento do fogo con Israel "mutuo e simultáneo". "Obtivemos todas as garantías dos mediadores de que a agresión contra Gaza acabará", afirmó Qassem sobre o papel de Exipto e a ONU. 

Os membros do Gabinete de Seguridade israelís, entre os que estaba o Xefe do Estado Maior e altos mandos militares, acordaron aceptar a proposta de Exipto de cesar as hostilidades tras encomiar o que consideran "grandes logros" de Israel na campaña militar en Gaza. Os rumores sobre esta posible tregua cobraran forza nas últimas horas, especialmente despois de que o primeiro ministro israelí Benjamin Netanyahu convocase esta mesma tarde o seu Gabinete de Seguridade, a pesar de mostrarse partidario a véspera de continuar coa ofensiva.

Esta mañá, un portavoz do movemento islamita Hamas asegurou a EFE que a tregua "probablemente teña lugar pronto", cando desde hai días os mediadores internacionais, especialmente Exipto e a ONU, intensificaron os seus esforzos para restablecer a calma tras once días de violencia.

O actual enfrontamento, que comezou o pasado 10 de maio, levoou xa a vida de polo menos 232 palestinos na Franxa, incluídos 65 nenos e 39 mulleres, e causou máis de 1.900 feridos, vítimas dos intensos bombardeos israelís.

En Israel, 12 persoas —incluídos dous menores— morreron como consecuencia do lanzamento de foguetes desde o enclave por parte das milicias palestinas. Ata o de agora Israel rexeitara esa tregua, e Netanyahu reiterou onte mesmo a súa intención de continuar coa operación ata alcanzar o seu obxectivo de desarticular a estrutura militar de Hamas, que goberna de facto o enclave, a pesar de que o presidente de EUA Joe Biden o urxiu a "unha inmediata desescalada significativa".

A pesar da presión internacional, o exército israelí volveu hoxe bombardear múltiples obxectivos do movemento islamita Hamas na Franxa, desde onde continuou o disparo de foguetes cara ás comunidades israelís lindeiras, incluído un mísil antitanque contra un autobús, que chegou aos 4.340 lanzamentos desde o inicio da escalada.

A ofensiva das tropas israelís centrouse nos últimos días nos lugares de produción e almacenamento de armas, os puntos desde onde as milicias lanzan os foguetes e a rede de túneles, coñecida como Metro, que presuntamente utiliza Hamas para o desprazamento de combatentes e o transporte de armamento dunha zona a outra do enclave.

Noticias web

20/05/2021