Isaura Leal preside a xestora que dirixirá o PSOE en Madrid ata o congreso rexional

A Comisión Executiva Federal do PSOE designou os integrantes da xestora que dirixirá o partido en Madrid ata a celebración do seu congreso ordinario, tras a dimisión do seu secretario xeral José Manuel Franco. Á súa fronte estará a deputada no Congreso, Isaura Leal Fernández.
Os malos resultados electorais nos comicios do 4 de maio, os peores en toda a súa historia, precipitaron as baixa de Franco e do candidato nestas eleccións. Ao final, Ángel Gabilondo non recollerá a súa acta de deputado, logo da presión exercida por voces da dirección socialista, parte da militancia e correntes críticas do partido como Esquerda Socialista de Madrid, que pedían unha renovación.
A xestora dirixirá o partido en Madrid ata a celebración do Congreso Rexional a finais de ano, algo que xa ocorreu noutras dúas ocasións: no 2007 tras a dimisión de Rafael Simancas e no 2015 logo da de Tomás Gómez.
O resto de membros da xestora, designados por Ferraz son: Fran Martín Aguirre, África Moreno Díaz, Javier Guardiola Arévalo, María Cano García, José Luis García Sánchez, Lorena Morais Porro, Diego Cruz Torrijos, Carmen Mena Romero e Santiago Llorente Gutiérrez.