Irlanda retén outro pesqueiro galego acusado de infrinxir as normas de pesca
Vessel Finder
Repítese a historia: un pesqueiro galego permanece retido en Irlanda desde o sábado, acusado de infrinxir as normas de pesca. Trátase do Punta Vixía, propiedade da armadora viguesa Pesca Baqueiro.
O buque, con 12 tripulantes a bordo e que navega con bandeira francesa, foi interceptado a unhas cen millas da costa irlandesa cando remataba unha marea no Gran Sol.
Foi unha patrulleira de altura a que o abordou e escoltou ao porto de Castletownbere, no condado de Cork. A tripulación agarda agora a que se concreten as acusacións das autoridades irlandesas.
No que vai de ano, Irlanda xa apresou seis pesqueiros. O anterior, en xuño, o Punta Candieira, tamén era galego. Nese caso estivo retido quince días. A armadora tivo que depositar unha fianza de 170.000 euros para que lle permitisen marchar.