CRTVG

Buscar

A Xunta contacta co Goberno irlandés pola situación do pesqueiro apresado

Publicado o 01/06/2021 21:07
A Xunta contacta co Goberno irlandés pola situación do pesqueiro apresado

O pesqueiro Punta Candieira, con porto base en Celeiro, no municipio de Viveiro (Lugo), foi apresado polo Servizo Naval de Irlanda por supostas "infraccións" das normas de pesca.

O pasado luns, a Mariña de Irlanda informou a través dun comunicado desta detención, que levou a cabo o buque irlandés Lé Róisín a 95 millas ao sur de Mizen Head. De feito, sinala que é a quinta actuación que realiza este ano en relación con infraccións pesqueiras por parte de buques. 

Fontes do Goberno galego trasladaron a Europa Press que se manteñen "expectantes" polo sucedido en relación con esta embarcación. "Estamos en contacto desde onte coa embaixada española en Irlanda, que se puxo en contacto co Goberno irlandés para seguir o caso", apuntan fontes da Consellería do Mar. "A través da embaixada estamos en contacto co cónsul honorario para coñecer os detalles da situación", agregan.

Así, a Xunta espera que se poidan "clarificar as circunstancias da retención" e se retome a  actividade pesqueira con normalidade. Ao parecer, existen discrepancias sobre se o pesqueiro galego estaba a traballar ou non dentro das 12 millas de augas territoriais. 

 

Noticias web

01/06/2021