CRTVG

Buscar

Todos os ministros se somenten as probas, tralo positivo de Irene Montero

Publicado o 12/03/2020 21:32

• Antón Gómez-Reino, en corentena

• O Congreso suspende a actividade ata o 24 de marzo

A ministra de Igualdade, Irene Montero, deu positivo en coronavirus, segundo informou o Goberno, que explica que se encontra ben e avanza que se lle fará a proba da enfermidade ao resto de membros do Executivo durante a mañá.

O vicepresidente segundo do Goberno, Pablo Iglesias, parella de Montero, encóntrase en corentena por esta situación.


Todo o Goberno se someteu pola mañá ás probas diagnósticas. Despois celebrouse un Consello de Ministros extraordinario. Só asistiron os imprescindibles para aprobar o plan de choque contra o COVID-19.

Nunha inusual conferencia de prensa posterior, os xornalistas preguntaron a través de plasma

Unha das preguntas era, precisamente, sobre o contaxio. Pedro Sánchez asegurou que actuaran como calquera outro cidadán, cumprindo as recomendacións do Ministerio de Sanidade.

Ata Salvador Illa tivo que seguir as súas propias recomendacións e suspender a súa comparecencia na Comisión de Sanidade do Congreso

"Desexámoslle que as probas lle dean negativo", di un dos seus membros.

Todas as xuntanzas previstas desde entón realizáronse telematicamente. Os resultados coñeceranse nas próximas horas. Entrementres, o presidente asegura que o goberno de España non para.

En illamento preventivo está a alcaldesa de Barcelona, que o domingo pasado tamén participou nas mobilizacións do 8M. Ada Coulau e cinco dos seus concelleiros quedaron en corentena nas últimas horas despois de manter contacto estes días con persoas que deron positivo na proba do Covid-19.

O Congreso suspende a súa actividade ata o día 24 de marzo. Decidiuno a Xunta de Voceiros, que fixou para esa data un pleno telemático para aprobar os reais decretos pendentes de convalidación.

Con Irene Montero, xa son catro os deputados contaxiados. Nas últimas horas tamén o confirmaba a vicepresidenta do Congreso, a galega Ana Pastor. Atópase ben e estase recuperando na casa.

Os outros dous casos son de Vox: Ortega Smith e un deputado por Cádiz, Carlos Zambrano.

Os reis tamén fixeron esta mañá o test do coronavirus. Fixérono como medida de prevención, segundo informa a Casa Real, despois de que se confirmara o positivo de Irene Montero. A ministra de Igualdade participou nun acto con Dona Letizia o venres pasado. Os resultados das probas serán comunicados publicamente.