CRTVG

Buscar

Irán admite que derribou o avión de pasaxeiros ucraíno ao confundilo cun mísil

Publicado o 11/01/2020 14:35

Sucédense as mostras de indignación despois de que Irán admitira que derribou por erro o avión de pasaxeiros ucraíno que caeu o mércores en Teherán.

Na capital iraniana, cidadáns congregados en memoria das 176 vítimas protestaban así porque as autoridades negaran a súa responsabilidade ata hoxe.

A Garda Revolucionaria asumiu toda a culpa. O comandante da forza aeroespacial explicou que confundiran o avión cun mísil de cruceiro. Asegurou que non quixeran ocultalo pero que tiñan que confirmarlo antes de informar.

Tanto as forzas armadas como as autoridades alegaron que o erro se produciu co país en alerta máxima ante un posible ataque de represalia dos Estados Unidos.

A compañía ucraína propietaria do avión di que seguiron a ruta marcada polo aeroporto de Teherán e denuncia que as autoridades iranianas non informaran de ningún perigo.

O vicepresidente da aeroliña puntualizou que Irán tiña a obriga de pechar o aeroporto se ían disparar desde algún lugar.

Ucraína suxeriu que Teherán admitira a súa culpabilidade despois de que expertos ucraínos no terreo descubriran a causa do sinistro. Francia acordou con Ucraína axudar no descifrado das caixas negras.

 

Noticias web

11/01/2020