Ir á compra sae máis caro: os produtos de alimentación acumulan unha suba do 3%
Medra o prezo dos alimentos. Segundo un estudo dunha organización de consumidores un 64 % dos produtos da cesta da compra experimentaron un encarecemento. Nalgunhas cadeas de distribución alimentaria, hai produtos que subiron entre un 2,8 e un 5 %.
O que máis subiu foron os cítricos, ata un 46 % máis ca o ano pasado por estas datas. Tamén as verduras e a chacinería. Baixaron, pola contra, produtos envasados como o aceite de oliva.
En xeral, as cadeas subiron os prezos de media un 2,8 por cento. E o incremento dos prezos foi maior nos supermercados que habitualmente son máis económicos.
Durante os meses de confinamento constatouse un incremento no consumo de peixe fresco e de marisco. Os meses de abril e maio repuntou especialmente a venda destes produtos e de conservas de peixe. As conservas de atún, mexillón, sardiñas, calamar e berberecho foron as que máis medraron en vendas.