Investígase a morte dun home que apareceu queimado na lareira da súa casa na Baña
Un veciño do concello coruñés da Baña apareceu morto onda a lareira da casa con queimaduras no corpo. Todo apunta a que o home, de sesenta anos, sufriu unha indisposición e o alcanzou o lume.
A vítima, Pepe, vivía nesta casa da Tarroeira, na parroquia de San Cibrán, na Baña, onde coidaba da súa nai. Este domingo prendeu a lareira, como adoitaba facer acotío, segundo o relato dunha veciña, pero outras rutinas da súa tarde xa non as levou a cabo. Cren que tivo unha indisposición, sufría epilepsia, e o lume alcanzouno e ocasionoulle queimaduras en medio corpo. A súa veciña Vanessa di que falara con el pouco despois do mediodía.
"Falei con el sobre a unha e media da tarde. Estaba perfectamente. Ás tres e media mandeille unha mensaxe para que subise tomar café, coma todos os días. Xa non me contestou. Pensamos que estaría durmindo e deixámolo. Nós fomos tomar café á casa dun amigo e sobre as seis e media foi cando me chamou a veciña e mais o meu fillo para contarnos todo o que sucedera. Chegamos aquí e... xa nada. Nin entramos. Só pasou o meu marido mais o rapaz que entrara apagar o lume".
Contra as nove e media completáronse os trámites para levantar o cadáver e trasladado ao Clínico de Santiago para realizarlle a autopsia. Esta previsto que esta tarde quede instalado o seu velorio no tanatorio de Negreira.
Pepe tiña 60 anos. Deixa viúva, un fillo e unha filla.