CRTVG

Buscar

Investigan un incendio nun edificio en Santiago coa instalación eléctrica manipulada

Publicado o 07/12/2020 13:04

En Santiago investigan a causa dun lume que se produciu nunha vivenda que estivo ocupada ilegalmente. Os bombeiros atoparon a instalación eléctrica manipulada e a porta atrancada, malia que estaba totalmente baleira. O interior de madeira quedou en moi mal estado.

Cando chegaron os bombeiros descoñecíase se había xente dentro. A porta estaba atrancada, o que lles obrigou a rebentala cunha ferramenta hidráulica para poder entrar pola planta baixa mentres outro equipo accedía pola cuberta cunha autoescada. O inmoble, unha vivenda de tres andares co interior todo de madeira fixo que a actuación tivera que ser rápida.

Un veciño di que foi pola parte de atrás. Se miras por aquí o tellado non está danado. Tampouco se pode saber porque iso é todo madeira. Por aquí lapas non saían. Saía un fume negro.

Os enganches eléctricos manipulados cos que se atoparon obrigraron os bomberios a chamar a unha empresa eléctrica para que fixesen un corte dos cables na fachada, para asegurar o traballo dentro. Segundo os veciños a casa fora ocupada ilegalmente hai tempo.

Un hostaleiro que traballa enfronte da casa di que leva bastantes anos así coas fiestras todas rotas. E parece bastante abandonado dende hai tempo. Eu creo que aquí okupas non había. Na zona nunca vimos entrar ninguén nin nada. Leva anos sen movemento.

Os bombeiros marcharon despois de dúas horas de traballo e un rastrexo con cámaras térmicas, para ver se persistía algún punto de calor. Debido ao mal estado do interior non fixo falla poñer esteos, porque prácticamente está en estado de ruína. O lume non afectou as vivendas lindeiras, polo que non houbo que desaloxar a ningún veciño.

Noticias web

07/12/2020