CRTVG

Buscar

Investigan se os contaxios no buque confinado en Vigo son da variante india

Publicado o 29/04/2021 21:18

Parte dos tripulantes son indios, pero o barco procede do sur de Inglaterra

A metade das aulas pechadas en toda Galicia están na cidade olívica

O Prometheus Leader, con bandeira de Singapur, é un dos barcos que periodicamente vén a Vigo por coches. Chegou o luns desde o sur de Inglaterra, pero xa non puido zarpar coa carga. Un gromo de covid que afecta seis dos 22 tripulantes desatou as alarmas. Por seguridade, o barco foi trasladado desde Bouzas ao peirao de transatlánticos e posto en corentena. A metade dos mariñeiros son da India e preocupa que poidan estar afectados pola variante do virus que xurdiu no seu país.

"O primeiro e máis importante, o illamento correcto para que non se transmita a enfermidade a outras persoas, a curación dos dous que están agora mesmo no hospital porque os demais teñen síntomas leves", explicaba Jesús Almuíña, presidente da Autoridade Portuaria.

Microbioloxía do Álvaro Cunqueiro traballa para confirmar ou descartar que estean afectados pola variante india, da que se sospeita que podería ser resistente ás vacinas, como nos explica a inmunologa África González: "É unha variante con dúas mutacións que semella que poidan ser importantes porque poderían diminuír a resposta inmunitaria. Pero iso ainda hai que confirmalo".

En Vigo tamén preocupan os gromos nos colexios. A metade das aulas pechadas en toda Galicia están na cidade. O centro máis afectado é o colexio Bouza Brey, onde o foco se dá por controlado tras detectarse vinte casos.  

"Estivemos agoniados porque se contaxiaron moitos nenos en infantil. Para nós o momento foi terrible. Despois non quedou máis que xestionalo e tirar para adiante", contounos Flora Martínez, a directora do colexio.

Sanidade ten o foco na área de Vigo polo aumento dos contaxios. Na cidade a incidencia xa é de 170 casos por cada cen mil habitantes.