CRTVG

Buscar

Investigan se o incendio que calcinou unha casa en San Amaro puido prender nunha estufa

Publicado o 07/01/2021 14:00

Aínda fumegaban pola mañá as vigas de madeira desta casa da que o incendio só deixou as paredes de pedra en pé e parte do teito. Foron os veciños da aldea de Pazos, en San Amaro, os que viron como saía o fume e deron a voz de alarma.

"Díxome a muller: 'Aí sae moito fume', vin aí e despois levou as lapas para fóra. Ardeu todo, dentro, aí non quedou nada", explica un veciño. "O lume empezou alá abaixo, que o vin eu, pero despois comezaron as bombonas a estourar e calquera se arrimaba aí", di outro veciño.

O estrondo das bombonas oíuse na aldea do lado. Decoñécese a orixe do lume, pero os veciños apuntan que puido prender nunha estufa que quedou acesa. No momento do incendio non había ninguén na casa. O dono, que vive en Vigo, xusto marchara unha horas antes.

"El estivo aquí á mañá ata a tarde e eu vin a cheminea acendida, e se cadra xuntouse a cheminea coa madeira e arde", di un veciño. "Unha desgraza moi grande, non merecían esta desgraza", asegura outra veciña.

Os bombeiros do Carballiño e o GES de Ribadavia tiveron complicación para acceder a esta aldea de Pazos, no concello ourensán de San Amaro, pero puideron salvar as vivendas lindeiras e un alpendre.

"Iso de abaixo é meu, e tiña que ter coidado de que non pasase o lume para abaixo".
"O señor ten un palleiro aí abaixo e podía pasar e arderlle todo, bo é que non pasou para abaixo", explican os veciños.

A vivenda, unha segunda residencia que era herdanza familiar, estaba acabada de reformar, pero do interior, case todo de madeira, non se puido rescatar nada das lapas. Agora a investigación esclarecerá as causas do incendio.

Noticias web

07/01/2021