CRTVG

Buscar

Investigan se a muller do vigués ingresado en Fátima se infectou coa cepa india

Publicado o 10/05/2021 20:56

•Alta participación no cribado masivo no porto do Berbés

Alta participación no cribado realizado este luns no porto do Berbés. Hai moita preocupación polos gromos que se están detectando en pesqueiros e porque as instalacións portuarias poidan servir de vía de expansión da variante india.

"Xa ves, cos barcos, o que está atracado e os que van vir, isto propágase coma se nada", apunta unha traballadora do porto.

Os dous cargueiros en que se detectou a variante india xa teñen 16 homes contaxiados, oito en cada un deles. Seis están hospitalizados e o resto confinados nos buques.

"Todos os servizos do porto están á disposición da navieira e dos mariñeiros que están retidos nos seus barcos", aseguraba o presidente da Autoridade Portuaria, Xesús Vázquez Almuíña.

En Vigo confirmáronse outros dous casos da variante india. Unha muller chegada de Nova Delhi e un home ingresado por outras patoloxías na mesma clínica que atende seis tripulantes dos cargueiros. Tamen deu positivo en covid a súa muller, pero non se sabe con que variante.

"Estase facendo o estudo epidemiolóxico para saber por onde puido ocorrer o contaxio", explicaba o xerente da área sanitaria, Javier Puente.

En Ribeira non para de medrar o gromo de covid que se orixinou nun cerqueiro de Aguiño. Xa suma 21 casos, entre tripulantes e familiares. Hai máis de medio cento de persoas en corentena e un mariñeiro na UCI.

O gromo afecta a tripulación de tres barcos que fan a campaña do bocarte no Cantábrico e que compartiron autobús entre Xixón e Ribeira.

Noticias web

10/05/2021