Investigan o pai dun neno de 8 anos que tivo un accidente cunha moto en Poio
A Garda Civil investiga o pai dun menor de oito anos, despois de que o neno sufrira un accidente cunha motocicleta que pilotaba no concello de Poio. Aconteceu, segundo informou o Instituto Armado, o pasado sábado 6 de xuño, arredor das sete e media da tarde.
Unha vez no lugar, os axentes comprobaron que se trataba dun menor, que tivera un accidente cunha motocicleta que "non tiña matrícula, carecía de seguro obrigatorio e de documentación", segundo indicaron fontes da Garda Civil.
O neno quedou "ferido grave" e tivo que ser trasladado en ambulancia ata un centro hospitalario. Acompañábao o seu pai, a quen se lle comunicou que se procedería á súa investigación por "coautoría indutora" de dous supostos delitos: un contra a seguridade viaria, por permitir que o seu fillo menor de idade conducise o vehículo, e outro delito por lesións imprudentes.
A idade mínima para levar un ciclomotor é 15 anos
A lei permite que os nenos maiores de 12 anos poidan viaxar en moto como pasaxeiros. Pero para manexar un ciclomotor na vía pública hai que ter como mínimo 15 anos e contar tamén co permiso correspondente.
Alberto Bugallo Presidente da Asociación Provincial de Autoescolas de Pontevedra: "Neste caso para ter un permiso de conducir ten que ter unha idade mínima de 15 anos, se é de ciclomotor, se é un permiso de tipo A1, que sería o seguinte permiso ao que se pode optar, tería que ter 16 anos, iso supón unha parte teórica e unha parte práctica"
Os menores poden practicar coas motos en recintos pechados. Nese caso non hai idade mínima e só a responsabilidade dos pais e a capacidade dos rapaces marcarán os límites.
Alberto Bugallo, presidente da Asociacón Provincial de Autoescolas de Pontevedra "Tanto pais coma nenos teñen que ser conscientes do perigo que supón conducir unha motocicleta e hai que prepararse para conducir ese tipo de vehículos"
Neste sentido a Garda Civil de Tráfico lembra que o modelo de comportamento dos adultos debe servir de guía para os menores.