CRTVG

Buscar

Investigan o incendio supostamente intencionado de dous coches en Vilanova de Arousa

Publicado o 03/06/2019 14:24

Este é o estado en que quedaron os dous vehículos, tras arder na madrugada do sábado ao domingo, en pleno centro urbano de Vilanova.

Os veciños din: "Un dos vehículos é da parella de miña nai, tiñamos o cuarto cheo de fume, ao mirar pola ventá xa se sentiu a explosión, pensabamos que iamos morrer todos".

"Sobre as 4 da mañá oín unha explosión e xa vin o que pasaba, fun para arriba, avisar".

No momento da explosión había dous coches máis aparcados na zona, que finalmente foron salvados das lapas.

Os veciños falan dos susto que levaron: "Un susto grande, porque ás 4 da mañá nos chaman ao timbre para tratar de salvar os coches, pero dous xa era imposible facer nada, Protección Civil aínda non chegara, e evitamos que o incendio non se propagase".

O lume calcinou os dous coches e afectou dous edificios próximos, entre os que se atopa un taller de reparación de barcos. Tamén a rede da auga e o tendido eléctrico.

O dono do taller está a facer unha valoración dos danos: "Queimou o cadro eléctrico, contadores, toma de auga, e non podo traballar, teño que facer unha valoración dos danos e poñer unha denuncia".

Moitos veciños están convencidos de que o lume non foi fortuíto, senón intencionado.

Os veciños fan conxeturas sobre o sucedido: "Intuímos que puido alguén prender o lume".
"Eu penso que algún que nos quere mal".

Hai un ambiente raro no barrio, e pálpase no ambiente, e un incendio ás 4 lévanos a pensar que non foi unha casualidade.

Algúns dos afectados non desbotan a posible implicación dos propietarios do edificio en que viven de alugueiro, aos que xa denunciaron -din- previamente.

"Tivemos algúns problemas cos propietarios. Cortes de luz, de auga, e lume na parte da casa, cousas así", aclaran algúns veciños.

A Garda Civil mantén a zona precintada e abriu unha investigación para aclarar os sucedido.

Noticias web

03/06/2019