CRTVG

Buscar

Un home mata a muller en Vitoria en presenza dos seus dous fillos e despois suicídase

Publicado o 12/10/2021 09:53
EFE

A muller atopada esta mañá morta nunha vivenda de Vitoria foi degolada polo seu marido cun coitelo. El suicidouse cravando a mesma arma no peito, mentres na casa permanecían os dous fillos menores de idade da parella, segundo informaron a EFE fontes coñecedoras do caso.

Ao parecer, a parella separouse recentemente ou estaba en trámites de separación.

Os feitos rexistráronse sobre as 7:20 horas desta mañá nunha vivenda do primeiro piso do número 22 da rúa Antonio Machado, no barrio de Sansomendi da capital arabesa.

Segundo as mesmas fontes, o home, de 42 anos, encerrou a muller, de 37, nun balcón da vivenda e degolouna cun coitelo de cociña. Despois, el fíxose uns cortes no pescozo co mesmo coitelo e cravouno no peito, á altura do corazón.

Os dous fillos da parella, de 17 e 13 anos, avisaron os servizos de emerxencia, que cando acudiron ao lugar atoparon aínda con vida o home, pero xa perdera moito sangue e a pesar dos intentos de reanimación, faleceu no lugar.

A Ertzaintza abriu unha investigación ao redor do sucedido. Descoñécese se a muller e o home, que acababa de saír de traballar na quenda de noite dunha empresa, seguían vivindo xuntos.

Ao parecer, o home manifestara nalgunha ocasión a algún familiar, sobre a súa muller e en relación ao proceso de separación, que a ía matar, segundo as mesmas fontes.

Noticias web

12/10/2021