Investigan a procedencia da arma do asasino
Unha disputa pola titularidade da vivenda familiar é o posible móbil que puido provocar o crime. Ao parecer, hai demandas xudiciais pola vivenda que compartiron. Os problemas económicos por un negocio que saíu mal provocaba importantes discusións. De feito, horas antes do crime, José Luis ameazouna a través das redes socais empregando o perfil dun fillo que ten doutra relación e falaba dun crédito que ten pendente.
José Luis Abet, autor confeso do triplo crime, estaba tranquilo no momento da súa detención. Era consciente de que matara a súa ex-muller, pero descoñecía a sorte que tiveran as outras dúas vítimas, segundo publica este martes o xornal Abc. A súa actitude, describiron os axentes, foi de total tranquilidade cando eles chegaron á casa da súa nai para esposalo e detelo. Nin indicio de nerviosismo ou arrepentimento e moito sangue frío.
O home realizou varios disparos cun revólver contra cada unha das vítimas. Non ten licenza de armas.
"Neste momento estamos mirando a orixe do revólver para saber como o conseguiu, se o revólver foi empregado noutras circunstancias e buscar como chegou a mans desta persoa", dixo Javier Losada, delegado do Goberno en Galicia.
Saíu de traballar dúas horas antes de cometer o crime, segundo relataron compañeiros, falando con todos e aparentemente contento. No canto de ir á súa casa, colleu para Valga, á da súa ex-muller e os seus dous fillos, onde, supostamente, a esperou, xa que sabía que sobre as oito e media da mañá ía saír.