CRTVG

Buscar

Asasinatos machistas: Deteñen un home en Pozuelo e outro entrégase en Sabadell

Publicado o 22/07/2021 08:22

A policía detivo esta noite un home en Pozuelo de Alarcón como suposto autor do asasinato da súa muller, de 76 anos, ao golpeala cun obxecto na cabeza, informaron a EFE fontes da investigación.

O suceso ocorreu contra as doce e media da noite deste xoves, cando un veciño deu aviso ao 112 porque atopara na rúa unha muller inconsciente e con signos de violencia.

Segundo fontes dos servizos de emerxencia, cando chegaron ao lugar só puideron confirmar o falecemento da muller, que estaba tendida á porta dunha vivenda unifamiliar na que residía coa súa parella. Os servizos de psicólogos atenderon no sitio os fillos da vítima.

Segundo as primeiras pescudas, a parella tivo unha discusión no interior da vivenda, despois da cal, a muller saíu fuxindo á rúa. Non obstante, foi alcanzada polo marido, que lle deu un golpe na cabeza.

Cando a policía localizou o suposto agresor, este tiña a roupa chea de sangue.

Asasinato en Sabadell

Os Mossos d'Esquadra detiveron a un home como presunto autor do asasinato da súa parella onte á noite en Sabadell tras entregarse en comisaría e confesar o crime.

O home, de 60 anos e de nacionalidade española, presentouse cara ás 23.30 horas de onte na comisaría de Sabadell e confesou que matara á súa muller.

Axentes dos Mossos desprazáronse ao domicilio, xunto a un médico forense, que certificou a morte da muller, cuxo cadáver presentaba signos de violencia.

O Xulgado de Instrución número 5 de Sabadell abriu dilixencias por este asasinato, informou o Tribunal Superior de Xustiza de Cataluña (TSXC), que precisou que non existen antecedentes de denuncias por actos violentos entre a vítima e o presunto autor do crime.

Con todo, segundo informaron a Efe fontes da investigación, ao detido cónstalle un antecedente por violencia machista respecto a unha anterior parella.

O 016 é o número de teléfono ao que chamar para denunciar situacións de violencia de xénero.

Noticias web

22/07/2021