Investigan a morte dun neno de 2 anos nun hotel de Barcelona e buscan o pai como autor do crime
EFE
Axentes da División de Investigación Criminal (DEC) dos Mossos d'Esquadra investigan a morte dun neno de 2 anos nun hotel de Barcelona presuntamente a mans do seu pai, que fuxiu, polo que a Garda Urbana vai na súa procura, segundo informou a policía catalá.
Cara ás 22:30 horas deste martes, axentes da Garda Urbana de Barcelona atoparon o neno no interior dun cuarto dun hotel do distrito de Sants-Montjuïc e activouse o Sistema de Emerxencias Médicas (SEM). Os Mossos abriron unha investigación para pescudar as circunstancias deste suceso e a súa autoría, e buscan como presunto autor dos feitos o pai do pequeno para detelo.
A nai, que se estaba separando da súa parella, chamou alertando de que o pai levara o neno a un hotel de Barcelona e que lle enviaba mensaxes dicíndolle que "se ía arrepentir".
O Sistema de Emerxencias Médicas enviou ao lugar catro ambulancias, unha delas pediátrica, pero os sanitarios, que atoparon o neno inconsciente e coa cara morada, non puideron reanimalo.
Despois de analizar as cámaras de seguridade, os investigadores comprobaron que o home escapou saltando o valo da piscina do hotel, pasadas as 22:00 horas, e que fuxira cara a Montjuïc. Pouco antes saíra do cuarto, na sétima planta do Hotel Concordia, na avenida do Paral·lel, para comprobar que non había ninguén no corredor.
O Xulgado de Instrución en funcións de garda de Barcelona decretou o segredo das actuacións.
Os Mossos pinden colaboración cidadá
Os Mossos d'Esquadra pediron a colaboración cidadá para atopar o pai do neno. Na súa conta de Twitter explican que o buscan "como persoa relacionada coa morte do seu fillo". Pediron que calquera cidadán que o vexa chame ao teléfono de emerxencias 112.