Investigan a morte dun home de 70 anos que apareceu calcinado na súa cama en Padrenda
José tiña 70 anos, e vivía só nunha casa situada no medio dunha aldea do concello ourensán de Padrenda.
Andaba algo delicado de saúde, así que pasaba moito tempo na casa. Onte, contra as seis e media da tarde saltaban todas as alarmas cando a súa irmá o atopou completamente calcinado na súa cama.
Descoñécense polo de agora os pormenores do acontecido. As primeiras impresións que barallan os investigadores apuntan a que José puido sufrir unha indisposición grave, que lle provocara a morte mentres fumaba na súa cama.
Os bombeiros nin sequera chegaron a intervir, as lapas só afectaron o colchón e a mesiña de noite no seu dormitorio, e a unha pequena parte da traseira da casa. Por iso ninguén soubo do sucedido ata horas despois do seu falecemento.
A policía xudicial da Garda Civil fíxose cargo da investigación, para clarificar as circunstancias deste falecemento.