CRTVG

Buscar

Investigan a aparición dun home en Pontevedra ferido grave na cabeza

Publicado o 13/04/2021 20:00
Investigan a aparición dun home en Pontevedra ferido grave na cabeza

A Policía Nacional investiga as circunstancias que rodean a aparición dun home na zona de  Valdecorvos, en Pontevedra, que presentaba unha ferida sanguenta na cabeza, e que tivo que ser evacuado ao hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo, debido á súa gravidade.   

Segundo informaron fontes policiais, a alerta chegou a través da chamada dunha testemuña, na tarde deste luns, que observou un home que se estaba desangrando por unha ferida na cabeza e que tentaba entrar nun coche estacionado na urbanización de Valdecorvos. 

O ferido estaba cambaleante e acabou por sentar nun banco, onde o localizaron efectivos da Policía Local que se desprazaron ao lugar. Ao ver a gravidade da lesión, os axentes solicitaron unha ambulancia e deron aviso á Policía Nacional.   

O home ferido foi evacuado inicialmente ao hospital Montecelo de Pontevedra, aínda que a gravidade da súa situación levou os facultativos a ordenar o seu traslado ao hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo.