Atopan un corpo en Cerdido, preto de onde desaparecera Yago de la Puente
Os restos humanos estaban nun terreo do lugar da Casanova, no concello de Cerdido. Atopounos un home contra as oito da tarde deste mércores, cando estaba rozando.
Tras a alerta a zona quedou acordoada e preparouse o terreo para que accederan os especialistas policiais e xudiciais que interveñen nese tipo de situacións.
A difusión da nova levou a pensar desde o primeiro momento que poderían ser os restos de Yago de la Puente, o coruñés de 28 anos desaparecido desde mediados de xullo de 2019. O mozo regresaba do Festival de Ortigueira e, polo que aseguraron algunhas testemuñas, o seu rastro perdeuse na zona da estación de Cerdido.
Dende onde o viron por última vez ata onde apareceron os restos óseos hai menos de dous quilómetros de distancia.
Desde a desaparición de Yago pasaron máis de 400 días. As análises e pescudas dos especialistas serán as que determinarán se os restos achados corresponden ou non a Yago.