Investigan a aparición do cadáver dun home afogado no peirao de Xufre, na Illa de Arousa
• Trátase dun veciño xubilado que saíu a pescar coa súa dorna a motor, que apareceu á valga xunto ao seu corpo

Os servizos de emerxencias recuperaron o corpo sen vida dun home que apareceu no peirao do Xufre, na Illa de Arousa.
Segundo a información facilitada ao 112 Galicia, o cadáver foi localizado pasadas as oito da tarde de onte cando flotaba na auga a carón dunha enbarcación. Malia que o persoal do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias de Galicia pediu a colaboración dos efectivos de Salvamento Marítimo, apenas necesitaron estes recursos, pois os axentes da Policía Local puideron acceder desde terra ao cadáver e sacalo da auga.
Do mesmo xeito, desde o 112 Galicia solicitouse a intervención dos profesionais sanitarios, mais xa nada puideron facer por salvar a vida do home.
Pola súa banda, os axentes, xunto cos membros da Garda Civil desprazados ao lugar do suceso, tratan de aclarar as causas da morte.
#AXEGAInforma que foi localizado o corpo sen vida dun home no peirao do Xufre, na #IlladeArousa. Apareceu flotando na auga, segundo explicaron os axentes da Policía Local. Arestora, tras ser rescatado do mar, tratan de aclarar as circunstancias do suceso. pic.twitter.com/STwoIk6xsc
— 112Galicia (@112Galicia) August 24, 2019