CRTVG

Buscar

Investigadores galegos buscan medicación personalizada pora evitar mortes por sepse

Publicado o 20/10/2021 15:19

Investigadores dos hospitais xerais da Coruña e Santiago van realizar un ensaio clínico para combater infeccións bacterianas graves con tratamentos antibióticos personalizados. É un ensaio independente, financiado polo Instituto de Saúde Carlos III e non pola industria farmacéutica.

En España morren cada ano 17.000 persoas por sepse, moitas por non recibiren a dose axeitada de antibiótico. O ensaio clínico que vai iniciar o Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago, IDIS, pretende atopar as claves para personalizar os tratamentos segundo as características de cada doente.

"Os pacientes con sepse sofren alteracións fisiolóxicas que non lles permiten acadar concentracións terapéuticas axeitadas no organismo. Daquela, a personalización do tratamento con base ás características clínicas vainos permitir que ese 50 % de pacientes que non acada a concentración poida chegar a acadala e reducir a morbilidade e mortaldade asociada", di Anxo Fernández Ferreiro, farmacéutico da Unidade de Investigación do IDIS e coordinador do ensaio.

No ensaio, que vai comezar no primeiro trimestre de 2022, van participar 700 pacientes. O instituto estatal Carlos III financia con 280.000 euros a investigación, allea aos intereses da industria farmacéutica.

"A investigación clínica independente é realmente importante porque responde verdadeiramente ás necesidades reais, ás preguntas que temos os sanitarios do sistema sanitario de saúde para dar resposta a estas problemáticas", explica Anxo Fernández.

A incidencia da sepse é de 104 casos por 100.000 habitantes ao ano e pode chegar a causar a morte da metade dos que a padecen.

Noticias web

20/10/2021