Investigadores de Lugo deseñan as liñas de apoio á agroecoloxía na futura política agraria da UE
As liñas de futuro das políticas de formento da agroecoloxía en Europa virán determinadas, en boa medida, polas pautas que establezan investigadores da Universidade de Santiago.
Arranca un proxecto europeo para clasificar as prácticas ecolóxicas que se aplican nos disntintos países e determinar o camiño que se debe seguir nas vindeiras décadas. E aí, o grupo da Politécnica de Lugo ten moito que achegar.
Rosa Mosquera, responsable do grupo de investigación e catedrática do Departamento de Produción Vexetal e Proxectos de Enxeñería da USC, explica que primeiro se vai facer "unha análise, un estudo sobre como están as políticas agrarias comúns, a PAC, como son de faorecedoras para a implementación de prácticas agroecolóxicas; tras facer reunións cos agricultores e cos gandeiros que son a parte principal, establecer pautas que lles veñan ben a eles, que sexan factibles politicamente, para poder fomentalas".
Fomentar prácticas sostibles e aproveitar, explican, que a agroecoloxía, entendida como un movemento social que vai moito máis aló da ciencia e da técnica, ten cada vez máis adeptos.
De aí que neste grupo de investigación estean traballando xa, en colaboración coa Deputación de Lugo, para a posta en marcha do primeiro máster en agroecoloxía.
Sonia Verde, veterinaria responsable da Granxa experimental Gayoso Castro da Deputación de Lugo, apunta que van "colaborar na formación e na docencia e que todo iso reverta no sector agrogandeiro e en melloras para o sector; unha boa oportunidade é ese mestrado".
Desde o Campus Terra preparan tamén, en colaboración coa Asociación Galega de Cooperativas Agrarias, un estudo en 100 explotacións leiteiras para impulsar as chamadas granxas climaticamente intelixentes, é dicir, capaces de neutralizar a emisión de gases con técnicas ecolóxicas.