Investigadores da Garda Civil tratan de aclarar as causas do incendio que queimou unha nave en Betanzos
Axentes do equipo de investigación de incendios da Policía Científica da Garda Civil entraban esta mañá na nave industrial que o lume calcinou o luns no polígono da Piadela en Betanzos. Inspeccionan zona a zona co obxectivo de determinar a orixe a as posibles causas do incendio.
Debido á magnitude das instalacións e ao estado en que quedou tras o incendio os labores de inspección poderían estenderse durante varios días. Unha vez rematen o seu traballo será a quenda dos inspectores forenses da compañía aseguradora.
Malia estar acordoado e prohibido o paso, na xornada de onte varias persoas achegáronse á nave para roubar material.
Mentres esperan os informes da Policía Xudicial, solicitaron poder proceder ao tapiado das portas para evitar os roubos.