Internos de Monterroso participan nun proxecto de reciclaxe de pezas de roupa en bolsas de tea
Internos do cárcere de Monterroso participan nun proxecto de reciclaxe. Transforman pezas de roupa en bolsas de tea, unha iniciativa na que traballan os valores didácticos e o respecto ao medio ambiente.
Cos patróns xa deseñados, cortan e adaptan a prenda antes de cosela para elaborar unha bolsa de tea. Son alumnos do centro de adultos do cárcere de Monterroso, que participan nun proxecto de reciclaxe.
É unha iniciativa na que non só aprenden a facer as bolsas coas prendas de refugallo que eles mesmos achegan, senón tamén valores fundamentais na vida.
O obradoiro impártese dentro do programa didáctico da escola. Os alumnos traballan con obxectos que nunha primeira impresión poden parecer perigosos, pero na práctica é unha proba máis da súa implicación e responsabilidade.
A actividade responde ao lema “unha segunda oportunidade”, e non alude exclusivamente ao uso da tea.
Non é o primeiro obradoiro relacionado co desenvolvemento sostible neste centro penitenciario; tamén teñen un horto e un invernadoiro feito con material de refugallo.