Interceptan no porto de Vigo 24 quilos de cocaína chegados de América do Sur
Axentes de Vixilancia Aduaneira e da Garda Civil interceptaron 24 quilos de cocaína, distribuídos nunha vintena de paquetes, ocultos nun contedor que chegou ao porto de Vigo procedente de América do Sur.
A operación, dirixida polo xulgado de instrución número 8 de Vigo, continúa aberta para esclarecer o destino da droga e as persoas responsables do envío.
Segundo informa a Axencia Tributaria, membros da unidade de análise de riscos (UAR) do peirao localizaron o alixo ao inspeccionar un lote de contedores sospeitosos que estaban na terminal marítima.
Este tipo de comprobacións realízanse habitualmente para detectaren a introdución de drogas mediante o coñecido método do 'gancho perdido'.
Durante a revisión, as autoridades comprobaron que tres dos depósitos carecían dun dos parafusos de suxeición nas tapas de ventilación e, ademais, non tiñan os accesos precintados.
No interior dun deles, toparon os vinte paquetes que contiñan os 24 quilos de cocaína, segundo confirmou o test de drogas.