Interceptan en Pontevedra un home bébedo e espido que conducía un patinete eléctrico
Unha patrulla nocturna da Policía Local de Pontevedra encontrouse o luns nesta rúa da cidade cun home de 33 anos que ía espido nun patinete eléctrico.
"De entrada, xa lles chama a atención aos policías. Estamos a falar de que é a unha e media, aproximadamente, da madrugada. E cando van identificalo, vese que esa persoa vai baixo os efectos do alcol. Fáiselle a proba de alcolemia e dá 1,1 (miligramos por litro de aire). É un usuario das vías públicas e está obrigado a someterse á proba e, como deu positivo, inmobilizáselle o patinete e impónselle unha denuncia administrativa", explica Manuel Omil, voceiro da Policía Local de Pontevedra.
A denuncia implica unha multa de mil euros. Cando a policía lle ía retirar o patinete apareceu polo lugar outro home, de 37 anos, que lles asegurou aos policías que o patinete era del, que se facía cargo do vehículo e que o levaba á casa pola man. A policía seguiu co seu traballo e nisto chegaron á rúa Benito Corbal.
"A sorpresa para a patrulla, desta volta", di Manuel Omil, "é que media hora máis tarde, sobre as dúas, na rúa Benito Corbal atopan o dono do patinete eléctrico montado nel. Sometido á proba de alcolemia, dá 0,66. Outra denuncia administrativa, outros mil euros. A verdade é que a noite non lles saíu moi ben a este dous, que querían facer unha graza, pero non foi así".
E desta volta xa non houbo un terceiro. Porque a policía requisoulle o vehículo. Sen patinete eléctrico e con cadansúa multa de mil euros acabaron a súa extravagancia onte de madrugada os dous amigos.