CRTVG

Buscar

Once detidos e apreixados doce contedores con cocaína camuflada no porto de Marín

Publicado o 22/01/2019 09:40

Outro golpe ao narcotráfico con implicacións en Galicia saldouse co peche en Valencia dun dos maiores laboratorios de procesamento de cocaína de toda Europa. Detiveron 11 persoas, unha delas en Vigo, e en Marín apreixaron 12 colectores con droga camuflada. 

Con esta operación, a Policía Nacional considera desartellado un dos maiores laboratorios de procesamento de cocaína existente en Europa e que estaba localizado nun chalé illado da localidade valenciana de El Puig.

Os axentes atoparon na vivenda uns 8.500 litros de distintas substancias químicas, todas destinadas a elaborar o clorhidrato de cocaína.

O operativo permitiu ademais deter once persoas en distintos lugares de España, unha delas en Vigo.

As investigacións levaron a policía a detectar a chegada de doce contedores ao porto de Marín cun cargamento legal de fariña de palmiste que pasaría sen problemas os controis aduaneiros e sanitarios.

Pero os axentes atoparon o estupefaciente camuflado e que unha vez procesado lles permitiría obter máis de tres toneladas de cocaína.

A policía informou de que a organización desartellada estaba composta por cidadáns colombianos, españois e albaneses.

Noticias web

22/01/2019