CRTVG

Buscar

Intensifícase a venda de lotería de Nadal, menos dun mes antes do sorteo

Publicado o 23/11/2020 14:10

Entramos no período en que se intensifican as vendas da lotería de Nadal. Adoita pasar no mes previo ao sorteo e este ano de pandemia, non será excepción.

Susana Quintela, propietaria da administración de loterías O Rei Midas: "A venda vai un pouquiño menos, pero é normal, porque hai menos mobilidade, os bares ou están pechados ou con menos ocupación, as comisións de festas e asociacións moito máis limitadas. Pero ben, agora está repuntando a venda en ventá e todo o demais sempre e cando haxa mobilidade, senón é máis difícil".

Ás portas deste despacho de Arzúa, preguntamos polo consumo de lotería de Nadal neste ano distinto.

"Merco un billete enteiro e repártoo coa miña familia. E váleme calquera número, pero que toque, claro", di un home. Outro afirma que  "merco menos, porque hai crise e non están as cousas para tirar os cartos". E outro di: "Como todos os anos, máis ou menos, habrerá que xogar". "-E xa mercou. -Algún si. Outros aínda non".

A venda de partipacións vai moi amodo, como nos contará Raquel nun bar que vende participacións e por outro lado, Cristina, que está a mercar varios billetes para repartir por décimos desde a asociación de empresarios: "Eu creo que vai un pouco máis frouxa, porque por esta época xa tiñamos algo máis vendida outros anos. Habitualmente vendíase máis. Tamén se nota que non temos os peregrinos. Non temos xente que está de paso pola vila".

Raquel afirma que a venda é menor que o ano pasado: "A que máis se vende é a da casa, que non ten recarga, e logo esta, a de San Mamede de Ferreiros, porque a ofrezo. Daquela algún por non dicir que non vai mercando. Vanse vendendo e cando máis agora neste último mes".

Preguntamos polos números máis solicitados e Susana Quintela di que "este ano o 20. O 19 pola covid-19. E despois, o de sempre, 13, 15, datas...". E a do próximo 22, o sorteo.

Noticias web

23/11/2020