Intensifícase a chegada de peregrinos ante o día grande de Santiago
Os camiños que levan a Santiago están máis concorridos a medida que nos achegamos ao día grande. A referencia de compostelas entregadas cifra as deste xoves en 1.022. A media diaria deste mes non chega a oitocentas, mentres que no último ano santo era de case 1.400. As limitacións impostas ante a pandemia frean moitas saídas, pero entre os que van no Camiño domina a ledicia por estar no Obradoiro no día D.
Saímos ao encontro de peregrinos para preguntarlles por que elixiron esta data e así falan: "Levabamos tempo preparando o Camiño e, por temas de estudo, ao final cando acabou el, esta semana, coincidíanos ben". "Escollemos esta data porque coincide coa do nacemento da nosa filla. Naceu o Día de Santiago do último ano santo do século XX, o 25 de xullo de 1998".
"Xa quero chegar. Estamos camiñando moi rápido para chegar". "Veño de San Roque, Cádiz, e collín estas datas porque é cando me deron vacacións no traballo".
"Para chegar alí xusto no día en que corresponde, o Día de Santiago". "Ten que ser co santo patrón, que o 25 debemos estar en Santiago, porque iso ilumínate e dáche outras sensacións". "É algo moi grande e especial en España e para todo o mundo. Daquela estamos a facelo tamén pensando na misa. Sei que o que vai pasar o domingo é espectacular e queremos estar aí para iso. Vimos de Miami".
"É un sentimento máis especial, porque vemos chegar todos os peregrinos, quedamos cun grupo de xente en Arzúa e logo xa entramos xuntos en Santiago. Iremos cear, pasar por alí a noite e xa reservamos nalgún concerto para poder asistir. Imos facer todos unha PCR cando cheguemos para ir para a casa un pouco seguros". "O 26 volvermos para Porto. Nós vimos con frecuencia a Santiago, porque nos gusta e adoramos Galicia".
Polo de agora este xullo xa chegaron preto do dobre de peregrinos que en todo o mesmo mes do ano pasado.