Intensa nevarada no Cebreiro ás portas do mes de maio
Por terceiro día consecutivo, a neve volveu tinguir de branco as zonas máis altas da montaña de Lugo. En puntos coma o Cebreiro, a intensa nevarada sorprendeu non só os peregrinos, senón tamén os veciños da zona que agardan que esta sexa xa a chamada nevada do cuco.
A neve converte esta pequena aldea do Cebreiro no centro de todas as miradas e na paisaxe de centos de fotos. Mentres os peregrinos fan unha parada no camiño para gozar dela, hai quen se achegou ata aquí a propósito só para vela.
Estas intensas e consecutivas nevaradas xa ás portas do mes de maio tamén sorprenden os veciños da zona. Din que este foi un ano atípico no que comezou a nevar moi cedo, a finais de outubro, logo o inverno foi tranquilo e agora agardan a que estas nevaradas sexan as últimas.
Malia que sempre cómpre extremar precaucións, a neve non deixou incidencias nin complicacións nas principais estradas da provincia de Lugo.