Instan a vacinarse contra a gripe, que este outono podería volver con forza
A campaña da gripe, porta a porta para os que non poidan desprazarse, e nos centros de saúde para os que si, podería ser este ano un paquete dous por un, para todos os maiores de 80 que deben recibir tamén a terceira dose contra a covid.
A Consellería de Sanidade propón que os piquen á vez, por cuestións de loxística, e a maioría de expertos non ven obxección. Mesmo hai ensaios de vacinas combinadas, como a de covid-gripe que estudan por exemplo, na planta de Novavax no Porriño.
Do que non hai certeza é de que a gripe vaia ser este ano tan frouxa coma o pasado. "Que ocorreu coa gripe e outras infeccións virais que remitiron? A máscara, a redución das relacións sociais, etc. Mentres manteñanos a máscara probablemente esas infeccións tamén estean un pouco controladas", explica o virólogo Carlos Pereira.
Os expertos explican que se un virus é moi rápido acaba por desprazar os outros. Agora que a covid retrocede, a gripe aparece tamén con novas cepas.
"Hai catro cepas da gripe e unha delas é unha cepa nova que o ano pasado a xente non padeceu e que polo tanto non hai inmunidade fronte a ela. Polo tanto eu creo que hai que chamar a que a xente se vacine contra a gripe", advirte a Inmunólofa África González.
En total son máis 200.000 os galegos maiores de 80 que esperan pola terceira dose da covid e que poderían recibir canda ela protección tamén contra o virus da influenza estacional.