CRTVG

Buscar

Instalan barreiras de contención para evitar novas verteduras de xurro ao río Tambre

Publicado o 14/09/2021 13:18

Técnicos de Augas de Galicia recollen mostras e analizan constantemente a calidade da auga do regato Portaferreiros en Trazo onde se produciu a vertedura de xurro o xoves pasado. O regato desemboca no Tambre, onde se capta a auga que da subministración a Santiago. Para evitar que a chuvia poida arrastrar máis xurro desde onte operarios contratados por Augas de Galicia, coa colaboración dos veciños, limparon as marxes e o leito do rio e instalaron barreiras de contención naturais co propio millo da explotación onde se orixinou a vertedura.

O xurro verteuse ao soltarse, por causas que se investigan, esta válvula da balsa onde se almacena. Á espera das conclusións das pescudas da Garda Civil, os veciños apuntan a hipótese dun accidente ou dunha sabotaxe.

Desde o Concello de Santiago aseguran que a subministración e a potabilidade da auga están garantidas. Aínda que a chuvia arrastrara xurro e houbese que paralizar a depuradora do Tambre, o Concello xa buscou alternativa e activaríase a captación de auga do manancial de Brins para seguir dando servizo á cidadanía.

Noticias web

14/09/2021