Instalados nos campus universitarios galegos puntos de vacinación aos que se pode acudir sen cita previa
• En Ferrol e Ourense poderán vacinarse persoas alleas á comunidade estudantil
• Aínda quedan 175.000 persoas en Galicia sen inmunizar
Campaña especial nos sete campus universitarios dirixida a alumnos e profesorado. Non fai falta cita. Incluso se pode achegar xente de fóra da universidade. Último empurrón para ter vacinados todos os maiores de 12 anos en pouco máis dunha semana. Haberá espazos habilitados para que os estudantes se poidan vacinar sen cita previa. En Ferrol ou Ourense, mesmo poderán vacinarse persoas alleas á comunidade estudantil.
Estes son os lugares previstos para esa dobre xornada: o Pavillón de Deportes do campus será o punto de vacinación en Vigo; Expocoruña, o da Coruña; o de Ourense estará diante do edificio de Ferro; en Santiago será o auditorio Vidal Bolaño; en Lugo, a Facultade de Veterinaria; en Ferrol, o campus de Esteiro, e en Pontevedra, o recinto feiral da cidade.
Sanidade quere continuar avanzando na campaña de vacinación contra a covid−19. Desta maneira trata de facilitarlles o proceso aos alumnos, profesores e, en xeral, a todos os traballadores das universidades galegas que, por diferentes motivos, faltaron á cita cando foron convocados. Os puntos de vacinación estarán operativos en horario de mañá e de tarde.