Declara por primeira vez no xulgado a derradeira persoa que viu viva a Déborah Fernández
Contra as dez e media da mañá deste xoves comezou a declaración de Nuria Fernández Cervera, a curmá de Déborah, a última que recoceñeu ver con vida a Déborah e a primeira que estivo co sospeitoso despois dos feitos.
Nunca declarara en sede xudicial, e unha das súas primeiras declaracións en comisaría desapareceu. Nin os avogados da familia nin ela quixeron precisar nada sobre a declaración.
Ademais de Nuria, e a pedimento da Audiencia, tamén declararon dous axentes da Policía Nacional: o primeiro que instruíu a causa en 2002, e o que a instruíu en 2008, que viu como se pechaba o caso tras entregar o chamado Informe Arcano, un documento que se arquivou poucos días despois de ser entregado.
Peritos especializados da Policía Nacional desprazados a Vigo desde Madrid inspeccionaron o pasado 30 de setembro o coche do exmozo de Déborah Fernández, a moza cuxo cadáver apareceu nunha cuneta hai 19 anos.
A inspección ocular do vehículo, un Volkswagen Golf, levouse a cabo no interior do garaxe familiar, ante a imposibilidade de sacalo de alí, segundo a familia de Déborah, moi crítica co modo en que se levou a cabo un exame que podería lanzar probas sobre o caso, segundo dixo este xoves ás portas dos Xulgados de Tui Rosa, a irmá de Déborah.
É a segunda inspección que se realiza do vehículo, tras a de 2010, cando non se atopou absolutamente nada, o que resulta estraño para a familia da rapaza, que entende que foi asasinada e apunta ao seu exmozo como principal sospeitoso.
Precisamente, a análise deses vestixios é unha das dilixencias clave para que o caso non prescriba, sempre que cheguen a tempo. O tempo aprema, xa que de non haber novos avances ou a imputación do principal sospeitoso, o caso prescribiría o vindeiro dez de maio, sen coñecer o culpable.
De feito, a principios de mes o Instituto de Toxicoloxía e Ciencias Forenses de Madrid remitiu os primeiros informes derivados do estudo dos restos biolóxicos achados baixo as uñas do cadáver de Déborah, exhumado o pasado 18 de maio, compatibles con roupa de cama que pertenceu ao seu exmozo.
Estaba previsto ademais que declarasen outras dúas persoas, pero non acudirán porque non lles chegou a notificación a tempo a pesar de que as partes coñecen desde agosto o que ía suceder este xoves no Xulgado de Instrución número 2 de Tui.