CRTVG

Buscar

Innova 2019 preséntase como un escaparate do talento do alumnado galego

Publicado o 09/05/2019 16:33

Novi, de apelido 4.0, ben puidera converterse na mascota da FP Innova 2019, un escaparate do moito e diverso que alumnado e docentes de Formación Profesional están a facer no ámbito da innovación.

"Está sen terminar, e en principio ben vedes, o que ten é movemento, conseguimos que esta vez puidese camiñar", di Borja, alumno de Telecomunicacións do CIFP Ferrolterra.

A robótica é unha das estrelas deste encontro que reúne en Santiago 37 proxectos de 53 centros de ensino. Mais non a única. Porque non só de informática e de electrónica vive a innovación. Hai drons de carga autónomos, electrobicicletas ou vehículos ecolóxicos urbanos, que poderían cargar as súas baterías coas enerxías renovables desta instalación.

Ademais, a vangarda ten moito que dicir noutras familias profesionais; o téxtil, o turismo e a hostalaría van da man neste proxecto: tostas, macarrón ou mesmo xeado de mexillón, auténtico ouro da ría.

"A idea é poder levalo á realidade porque si que é certo que temos un tesouro que é o mexillón de Galicia que, ademais, ten denominación de orixe e estaría ben poder mostralo con todas as súas posibilidades", afirma Teresa Torea, alumna de Turismo do CIFP Manuel María de Vigo.

"Os alumnos están moi motivados, hai alumnos no meu caso, que veñen fóra do horario lectivo para poder rematar un proxecto", conta Enrique Pazo, director do CIFP Ferrolterra. ​

Unha motivación xustificada, sobre todo na FP dual, que combina a formación académica co traballo remunerado en empresas, e que conta na actualidade con algo máis de 700 prazas en toda Galicia.

Noticias web

09/05/2019