Iniciativa para que Lugo presente candidatura a Capital Gastronómica de España 2022
Xa ten sona o lema "E para comer Lugo", pero agora está sobre a mesa unha nova iniciativa do grupo municipal Partido Popular, queren que Lugo presente cadidatura a Capital Gastronómica de España en 2022, e a idea triunfa entre o sector da hostalería.
"Moita xente para en Lugo para comer, xa encontran aquí un punto gastronómico destacado. Paréceme moi boa idea que o recoñezan, que se oficialice e que se faga máis popular e chegue a máis xente", sinala Ángela Vázquez, xerente dunha cafetería en Lugo.
Cren que é un bo proxecto para divulgar a cociña lucense que ten como piar materias primas locais de gran calidade ao tempo que axudaría a impulsar tamén o turismo na zona.
"Cremos que nos facilitaría máis turismo, que nos poñería na boca doutros compañeiros do sector gastronómico e aos locales daríanos un impulso", sinala Alejandro Méndez, membro da asociación provincial Cociñeiros Lugo.
A proposta precisaría dun investimento que din achega un importante retorno económico para a hostalería e tamén outros moitos sectores.
"Penso que é un bo momento, está o Xacobeo e estamos saíndo desta pandemia. Vai ter un retorno marabilloso porque temos a experiencia doutras cidades e o retorno económico que obtiveron foi magnífico", explica Cheché Real, presidente da Asociación Provincial de Hostalería de Lugo.
Denominacións de orixe e mesmo asociacións veciñais ou empresariais apoian tamén esta iniciativa. Todos reman a favor para que Lugo sexa capital gastronómica.