CRTVG

Buscar

Inician unha campaña para concienciar os alumnos sobre o uso dos móbiles nas aulas

Publicado o 29/01/2020 15:15

Ante a proliferación do mal uso dos teléfonos móbiles nos colexios e institutos acaba de poñerse en marcha unha campaña promovida polo sindicatos ANPE cunha serie de recomendacións para os alumnos.

Aínda que todos os educadores coinciden en que o móbil debe estar afastado das aulas, a realidade é teimuda. Os nenos van á clase co teléfono, así que o sindicato de ensino ANPE acaba de sacar unhas recomendacións dirixidas aos propios mozos.

O máis importante é que non utilicen o móbil durante as clases propiamente ditas. Tampouco se debe fotografar nin gravar a ninguén sen o seu consentimento. Nin ridiculizar os profesores e compañeiros.

En canto ás redes sociais, os expertos recoméndanlles aos rapaces que non acepten a calquera nas redes sociais. E, sobre todo, que denuncien sempre se sofren situacións de acoso ou violencia escolar.

Santiago. Instituto Antonio Fraguas. Ano 2016. O director garda na caixa forte un móbil requisado a un alumno.

Ano 2020. Volvemos á caixa forte ver canto móbiles confiscados hai agora.

"Temos dous, pero este máis ben abandonado", di Carlos Encisa, o director.

"Non está prohibido. Está permitido traelo, pero o que non se pode é utilizalo na aula, agás co permiso do profesor".

Entenden o móbil como ferramenta educativa, e levan xa anos permitindo traelo.

"Non notamos un incremento do mal uso do teléfono. Só unha vez houbo unha situación en que unha alumna publicou no seu Instagram un insulto a unha profesora. A sanción tamén implicou que publicase unha desculpa na mesma rede social".

Din que foi anecdótico. Foi hai tres anos. Tamén hai tres anos nestoutro centro tomaron unha decisión.

"É o terceiro curso en que temos prohibida a utilización de móbiles no instituto. Ata 4º da ESO está terminantemente prohibido traelos", explica Clara Cristela, a súa directora.

Pero existe a excepción dunha petición por escrito do profesor. É o Instituto Xulián Magariños. Negreira.

"Naquel momento estábase detectando xa un mal uso xeneralizado, tanto nas redes sociais coma do simple xogo cos móbiles. Os nenos estaban deixando de xogar no recreo".

Aparcar un pouco o móbil e recuperar o cara a cara é outro dos puntos do decálogo dos docentes para o bo uso das redes sociais.

 

 

Noticias web

29/01/2020