CRTVG

Buscar

Ingresan na UCI de Vigo e no CHUO de Ourense dous novos casos importados de covid-19

Publicado o 10/07/2020 08:19

Dous novos casos de covid-19 de persoas hospitalizadas foron detectados nas áreas sanitarias de Ourense e Vigo, o primeiro importado ingresado no CHUO por outra patoloxía con PCR positiva, e o segundo na UCI en Vigo procedente de Madrid.

Na área de Vigo, a xerencia confirmou a representantes sindicais un caso positivo ingresado en UCI, un home de 44 anos que regresaba á cidade en autobús desde Madrid e, ao parecer, xa tiña algún síntoma. Agora estanse a rastrexar os seus contactos estreitos. Nada máis chegar á cidade foi trasladado a Urxencias, onde se lle realizou a proba en que deu positivo. O home permanece ingresado na UCI no Álvaro Cunqueiro.

Segundo confirmaron fontes sanitarias, no caso de Ourense, onde ata a data non había hospitalizados con covid-19, rexistrouse un caso importado confirmado con PCR, pero "sen relación cos brotes detectados" no país.

As mesmas fontes indicaron que esta persoa está ingresada "sen síntomas atribuíbles á covid−19" e a súa hospitalización "responde a outra patoloxía, da que evoluciona favorablemente".

Deste xeito, os pacientes hospitalizados con coronavirus en Galicia aumentan a oito, ao sumárense a estes dous novos casos os seis ingresados na área de Lugo.

De alta a última persoa ingresada por covid-19 na área sanitaria coruñesa

Este xoves recibiu a alta a última persoa ingresada por covid-19 na área sanitaria da Coruña e Cee, que permanecía en planta do Complexo Hospitalario Universitario da Coruña, informan fontes do centro. Desde o pasado 21 de xuño había un só paciente ingresado en planta infectado polo virus.

Por outra banda, na área de Lugo, A Mariña e Monforte os casos activos aumentaron a 190, ao sumárense 24 máis que este xoves. Deles seis corresponden a pacientes ingresados, un no HULA e cinco no Hospital Público da Mariña, mentres que 184 permanecen en seguimento domiciliario.

A área de Vigo informou este xoves de 24 casos activos que se atopan en seguimento no seu domicilio, aos que se suma este paciente na UCI, o único en unidade de coidados intensivos na comunidade autónoma galega.