CRTVG

Buscar

Inglaterra xogará a súa primeira final de Eurocopa contra Italia

Publicado o 08/07/2021 15:47

Gañou nas semifinais a Dinamarca cun penalti riguroso

Wembley en estado de ebulición coa final a un tiro de pedra, pero con Dinamarca disposta a cegar o paso sen contemplacións.

GARETH SOUTHGATE. Seleccionador inglés de fútbol: "Dinamarca fixo un torneo incrible. No lo puxeron moi difícil esta noite, presionando moi ben e facendo un gol fabuloso".

Un golazo de Mikkel Damsgaard, o estremo da Sampdoira, que fai voar o coiro por riba da barreira para caer redondo na toma de terra e a unha velocidade abraiante para evitar a Pickford.

Os ingleses reaccionan e van ao choque. Sterling a boca de xerra e paradón de Schmeichel. Na seguinte xa non deron opción os de Southgate. Chuzo interior de Harry Kane proxectando para a entrada de Saka e pase da morte a Sterling. Kjaer mete a perna e fai o choio do británico con autogol.

HARRY KANE: "Tivemos que cavar contra Dinamarca e agora imos estar en Wembley para o primeiro campionato europeo como nación"

Unha nación que aínda tería que agardar para celebrar porque o partido marchou á prórroga con empate a cero despois de seis minutos de desconto e cos ingleses incapaces de marcar máis.

A xogada decisiva foi do árbitro no minuto 104. Sterling na área, Sterling no piso ao pasar entre Maehle e Jensen, e penalti rigoroso que condenaba a Dinamarca. Kane marcaba e abría o tempo para pensar en Italia.

Kane: "A medida que chegue o partido as emocións e os nervios van a aparecer e vai ser un día especial".

Braithwaite, ao límite do reló, peta no coiro para forzar a igualada pero Pickford estarrica o corpo e puntea cos dedos para evitar o gol e levar a Inglaterra de festa rachada.

Noticias web

08/07/2021