Inglaterra prohibirá as reunións de máis de seis persoas a partir do luns

EFE
Inglaterra prohibirá as reunións sociais de máis de seis persoas, tanto en interiores como no exterior, a partir do próximo luns ante o preocupante avance de contaxios da COVID−19 nos últimos días.
O primeiro ministro británico, Boris Johnson, realizará o anuncio formalmente hoxe, mércores, nunha conferencia de prensa, aínda que os medios de comunicación adiantaron xa que haberá varias exencións a esta nova regra, que non se aplicará en escolas, lugares de traballo ou deportes de equipo.
Quen viole a norma exponse a unha multa de 100 libras (110 euros), que pode chegar ata as 3.200 libras (3.527 euros). Ademais, os grupos que incumpran a medida pillados na allada poderán ser dispersados pola policía.
Preocupante aumento de casos
A decisión do Goberno británico para Inglaterra -os executivos rexionais de Escocia, Gales e Irlanda do Norte poden tomar as súas propias medidas- chegou ao final de onte, un día en que os expertos que o asesoran alertaron sobre o progresivo empeoramento da situación.
Desde o pasado domingo, a cifra de contaxios diaria aumentou ata tocar os 3.000 positivos, e iso débese, a xuízo das autoridades, á "relaxación" nas medidas de protección da poboación, especialmente os mozos.
Restricións con excepcións
A medida reducirá o actual límite de reunións de 30 persoas ata seis, tanto ao aire libre como no interior de fogares, restaurantes ou bares.
Quedarán exentos, ademais dos mencionados colexios ou lugares de traballo, as vodas e os funerais, sempre que estean organizadas de forma segura, aínda que a lista completa de excepcións coñecerase proximamente.
Segundo Downing Street, Johnson dirá este mércores que se están "simplificando e reforzando as regras sobre contacto social, facéndoas máis fáciles de entender e de aplicar para a policía".
"É crucial que a xente cumpra agora as regras e lembre o básico: lavar as mans, cubrir a cara, deixar espazo cos demais e facer un test en caso de síntomas", dirá Johnson, segundo o adiantado pola súa oficina.