CRTVG

Buscar

Inglaterra prevé eliminar as restricións pola covid o 19 de xullo

Publicado o 05/07/2021 19:14
Inglaterra prevé eliminar as restricións pola covid o 19 de xullo
EFE

O primeiro ministro británico, Boris Johnson, anunciou este luns que, se todo avanza segundo o previsto, o 19 de xullo eliminaranse as restricións contra a covid en Inglaterra, de modo que levar máscara ou manter a distancia persoal pasarían a ser opcionais.

Nunha conferencia de prensa, Johnson precisou que, se o 12 de xullo se confirman os datos epidemiolóxicos favorables, a semana seguinte desaparecerán as "limitacións legais" e poderán reabrir os sectores aínda clausurados da economía, como algúns grandes eventos e o lecer nocturno.

A partir de entón, non haberá límite de ocupación en teatros ou cinemas ou para que as persoas se reúnan en interiores ou ao aire libre; non será obrigatorio, aínda que si recomendable, o uso de máscara; elimínase a distancia persoal e o Goberno deixa en mans das empresas a decisión de se se traballa desde a casa.

Johnson dixo ademais que se está traballando co sector turístico e as aeroliñas para tratar de eliminar a obriga de facer corentena para aqueles viaxeiros vacinados que regresen ao Reino Unido desde un destino ámbar, como España, Francia ou Italia. Adiantou que o ministro de Transporte, Grant Shapps, fará un anuncio respecto diso esta semana.

Pola súa banda, o ministro de Educación, Gavin Williamson, detallará mañá as novas normas que se aplicarán nas escolas, que previsiblemente eliminarán a obriga de que os alumnos se illen dez días se estiveron en contacto cun compañeiro que deu positivo. Johnson recoñeceu que, a medida que se relaxen as restricións, aumentarán os casos de covid, impulsados pola contaxiosa variante delta, dominante neste país, pero sostivo que agora no verán, coas escolas pechadas, é o mellor momento para "aprender a convivir" coa enfermidade.

"Se non abrimos agora, entón cando?", preguntouse, e indicou que o Goberno tomou a decisión "sopesada e equilibrada" de proceder coa desescalada do confinamento imposto en xaneiro ante o "éxito" do programa de vacinación.

O Goberno pospuxo anteriormente, do 21 de xuño ao 19 de xullo, a entrada en vigor da última fase da desescalada do confinamento, e hoxe confirmou que se mantén a data final, dentro de dúas semanas. Escocia, Gales e Irlanda do Norte teñen as súas propias competencias sanitarias e deciden o seu propio ritmo de desconfinamento.

Aínda que as medidas anticipadas hoxe son ben recibidas por sectores como a restauración e a hostalería, varios expertos mostraron a súa inguendanza pola retirada total das restricións e avogan por manter a máscara en espazos pechados, como o transporte.

Pola súa banda, a oposición laborista pediulle ao Executivo que detalle que nivel de mortes e contaxios considera aceptable a cambio de vivir sen restricións. Segundo os últimos datos oficiais, o Reino Unido rexistrou entre o domingo e o luns 27.334 novos contaxios, un 53,2 % máis que hai unha semana, con 9 mortes, un aumento do 4,9 %, ata un total de 128.231 desde o inicio da pandemia en marzo de 2021.

Hai 33,7 millóns de persoas totalmente vacinadas, un 64 % da poboación adulta, mentres que 45,3 millóns, un 86,1 %, recibiu a primeira dose. 

 

Noticias web

05/07/2021