Inés Rey: "Non está na miña axenda presentarme á secretaría xeral do PSdeG"
A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, amosou a súa satisfacción tras asinarse o acordo para a construción da estación intermodal na cidade. Manifestou que levan un atraso moi importante nalgunhas infraestruturas para o desenvolvemento urbano na Coruña e así mellorar as conexións co resto da área metropolitana. Nos seus dous anos de mandato, Rey destacou que se desbloquearon algunhas infraestruturas que estaban pendentes como o dragado da ría do Burgo, a pasarela de Pedralonga ou a construción do novo CHUAC.
Nunha entrevista no informativo Bos días, da Televisión de Galicia, a alcaldesa da Coruña destacou que, despois de 17 anos, sentaron na mesa as diferentes administracións para darlle unha solución financieira á débeda que ten a Autoridade Portuaria pola construción do porto exterior. En canto á desafección dos terreos baleiros no interior do porto, a rexedora destacou que xa están a falar co presidente da Autoridade Portuaria para abrir eses peiraos aos cidadáns para o seu uso. Inés Rey referiuse aos fondos do Plan Next Generation e dixo que "van axudar a que as administración públicas poidan seguir desenvolvendo actuacións".
Salientou a situación que está a atravesar a factoría de Repsol na ciadade e que finalmente o ERTE vai a afectar menos traballadores dos que inicalmente se pensaba. Rey entende que "é unha industria viable e que ten que revertir os seus beneficios na sociedade e garantir os postos de traballo".
A rexedora coruñesa cre que ten que seguir traballando para poñer a cidade na posición que lle corresponde e que por iso é fundamental chegar a acordos con todas as administracións, sexan da cor política que sexan. Agradeceulle á Xunta que xa incoara a declaración como Ben de Interese Cultura da casa Cornide e destacou que "van estudar as accións legais oportunas para reclamar xudicialmente a súa propiedade".
Afirmou que as administracións locais foron as primeiras en responder ás necesidades dos cidadáns tras declararse a pandemia. Puxo como exemplo a habilitación do Pazo dos Deportes de Riazor como albergue para as persoas 'sen teito' e así protexer os máis vulnerables nunha crise sanitaria. A alcaldesa destacou que entre todos os partidos políticos foron capaces de sacar adiante o Plan Presto para a recuperación económica da Coruña.
Inés Rey é a primeira alcaldesa en democracia da Coruña, e subliñou que "queda moito camiño por percorrer e que o seu partido aposta polo feminismo, pero aínda quedan espazos aos que chegar".
En canto ao de presentarse como candidata á secretaria xeral do Partido Socialista, Rey destacou que "non está na súa axenda".