CRTVG

Buscar

Inditex sae de perdas e logra beneficios de 671 millóns ata outubro

Publicado o 15/12/2020 10:30

A multinacional téxtil Inditex sae dos números vermellos que rexistrara por primeira vez na súa historia. Logo dun primeiro semestre en que acumulaba perdas de 195 millóns de euros, o grupo téxtil pecha os primeiros nove meses do exercicio fiscal (os que van do 1 de febreiro ao 31 de outubro) cun beneficio neto de 671 millóns de euros.

A compañía acadou vendas por valor de 14.085 millóns de euros nese período, case 6.000 millóns menos ca no mesmo período do ano anterior.

A recuperación de resultados da empresa é especialmente patente entre agosto e outubro deste ano, cando a compañía rexistrou vendas por valor de 6.052 millóns. É un 13,5 % menos ca nese intervalo de 2019, pero hai que ter en conta que o 5 % das tendas do grupo permanecían pechadas e que case o 90 % tiñan distintas limitacións de espazo, horarios ou ocupación.