CRTVG

Buscar

As tendas máis pequenas de Inditex xa atenden ao público

Publicado o 07/05/2020 15:51

"Podemos atendela sobre as 11. Dime o seu nome, por favor?". Así reabrían as súas portas as primeiras tendas de Inditex en Galicia. Con cita previa e un só cliente por empregado.

"Eu tiña que comprar un pantalón, e despois de dous meses xa tocaba", di unha clienta.

Para entrar recoméndase o uso de máscara e os clientes deben desinfectar as mans antes de acceder ao establecemento. Aínda así hai quen acudiu a facer devolucións, pero prefire agardar para mercar.

"Veño cambiar, pero para mercar vou agardar un pouco", di outra clienta.

Desde a empresa aseguran que se están a extremar as medidas de seguridade tamén nos probadores que se desinfectan despois de cada uso. Ademais as pezas trátanse con vapor seco antes de volver á cadea de venda.

Desde o comité de empresa din que falta de información para os traballadores e denuncian a modificación das condicións de traballo.

Carmiña Naveiro, presidenta do Comité de empresa de Zara: "Amparándose nunha orde de Sanidade pretenden recortar os nosos dereitos".

A partir do luns Inditex retomará os horarios habituais e poderá acoller xa un 30% da súa capacidade. Pero non será ata o 25 de maio cando poidan reabrir as grandes superficies comerciais.

 

Noticias web

07/05/2020