CRTVG

Buscar

Carballo agarda unha comunicación do Goberno que permita reabrir o feirón

Publicado o 07/05/2020 09:16

Sorpresa e decepción en Carballo porque a última hora prohibiron a primeira feira organizada despois do confinamento. A Xunta autorizara o pasado día 4 a celebración deste mercado de produtos agroalimentarios con restricións de seguridade.

A día de onte, arredor das 8 da tarde, os feirantes recibían un comunicado da Subdelegación do Goberno en que se lles indicaba que non se podía celebrar ese mercado.

Juan Seoane, concelleiro de Carballo, apunta que hai "un problema de criterio" porque "a Xunta entendía que podía celebrarse pero non así o Goberno central".

Seoane apunta que "quen ten a potestade de decidir se se celebra a feira ou non é o Goberno central. Eles determinan as actividades que se poden facer. "En teoría, a partir da semana que vén, se pasamos á fase 1, xa poderiamos celebrar unha feira coma esta, pero aínda estamos pendentes de que nolo clarifiquen. A confusión que hai entre a Xunta e o Goberno central déixanos aos concellos a expensas do que decidan ata última hora".

O concelleiro tamén sinala que os realmente prexudicados desta situación son os feirantes: "Hai moitos vendedores que teñen un produto perecedoiro ao que lle teñen que dar saída e, neste caso, agrávase a súa situación porque xa tiñan todo preparado para vender nesta feira".

Noticias web

07/05/2020

Máis sobre Carballo